19/2/09

Macaco - Música con mensaxe


National Geographic Channel e o selo discográfico EMI uníronse a través da música para convidarnos a actuar pola conservación do noso planeta.

A mensaxe en favor da natureza, chéganos a través do video para a canción "Moving". Macaco preséntanos así o que vai ser o primeiro single para o seu novo álbum: Puerto Presente.

Trátase do quinto álbum da banda multicultural de Barcelona e neste novo videoclip participan coñecidos artistas do cine e a música como Javier Bardem, Rosario Flores, Javier Cámara, Juanes, Juan Luis Guerra, Carlinhos Brown, Orishas, Antonio Carmona, Pitingo, Mari (a do grupo Chambao) e Bebe.

Non é a primeira vez que Macaco trata de concienciarnos coa súa música para a preservación dos nosos recursos naturais e o coidado do planeta, e así lembramos tamén o seu tema “Madre Tierra”. A música non é só un conxunto de notas e a de Macaco é sen dúbida música con mensaxe!

***

3/2/09

As mellores cancións de Josh Groban a punto de caramelo!

"A Collection" é unha selección dos mellores temas de Josh Groban e sae á venda hoxe mesmo!

Con máis de 25 millóns de copias vendidas en todo o mundo o barítono converteuse nun fenómeno mundial.

Neste dobre CD inclúense os sinxelos "To You Are" do seu álbum debut publicado en 2001, "You Raise Me Up" do álbum Closer de 2003, "February Song" e "You Are Loved (don ' t Give Up)" de Awake editado en 2006 así como dous temas en directo non editados anteriormente e cinco dos temas do álbum que editou no nadal de 2007 "Noel" co que conseguiu o record de vendas dese ano en USA.

29/1/09

This is the Life -Amy Macdonald


Se nos acompañas, imos viaxar ata Escocia... Alí coñeceremos unha nova cantautora: nova, porque aínda está empezando e nova, pola idade que ten.

Chámase Amy Macdonald e acompañada da súa guitarra, cun lixeiro toque country, preséntanos o seu single "This is the life", dándolle ó mesmo tempo un nome ó seu disco debut.

Para saber máis e escoitar os seus temas, bótalle unha ollada á páxina web de Amy Macdonald

***

20/1/09

Just Dance - Lady GaGa


Para sacudirnos o frío do inverno, saltamos as pistas de baile con Lady GaGa. A artista americana, publicou a finais do ano pasado o seu album debut "The Fame", que chegará a España a partir do próximo mes de febreiro. Con este traballo anímanos en primeiro lugar a bailar co seu single "Just Dance".

Este tema recibiu unha nominación na 51 edición dos premios Grammy como 'Mellor Grabación Dance do Año', competindo na mesma categoría contra artistas coma Daft Punk, Rihanna ou Madonna. O día 9 de febreiro deste 2009 coñeceremos o resultado, pero ata entón que non pare a música!

***

16/1/09

Bruce Springsteen. Moi pronto novo álbum!

Working on a dream (Traballando nun soño) é o álbum de 2009 de Bruce Springsteen. O tema que achega o título ao disco estreouse en directo durante a campaña pola presidencia de Estados Unidos de Barack Obama a finais de 2008. É o sinxelo presentación. Gravado coa E Street Band, inclúe 12 cancións novas ademais de 1 bonus track.
Este álbum tan esperado polos/as fans do cantante de New Jersey sairá á venda o próximo 27 de xaneiro.

8/1/09

Amaia Montero bate récords

Desde que se publicou o seu primeiro álbum en solitario hai seis semanas, Amaia Montero vive momentos doces. Tras entrar directamente ao nº1, permanece entre os tres primeiros da lista dos máis vendidos en España e está a piques de conseguir o dobre Disco de Platino. Nas descargas de cancións e tons orixinais tamén alcanzou o Platino coa canción "Quiero ser", que ademais bateu todas as marcas de permanencia no nº1 nas listas de radio (13 semanas), televisión e vídeo. Un debut de éxito contundente que Amaia Montero quere trasladar a América, onde viaxará do 25 de xaneiro ao 15 de febreiro para apoiar o lanzamento do seu álbum en Estados Unidos e México.

19/12/08

"La Vida" de Ainhoa Arteta



Este luns 22 de decembro, a soprano Ainhoa Arteta recibirá o Disco de Ouro no concello de San Sebastian polas vendas do seu último traballo “La Vida”.

A cantante lírica, amósanos con este traballo unha nova faceta artística moito mais próxima ó pop, versionando temas coma “Tears in heaven” de Eric Clapton, “La Vida” de Silvio Rodríguez (que lle da título ao album), “Michelle” dos Beatles ou o clásico do cantante belga Jacques Brel “Ne me quitte pas”. Neste traballo tamén podemos atopar o “Love me tender” de Elvis Presley, ou outro clasico coma “Fly me to the moon” (versionado anteriormente por Frank Sinatra ou Ella Fitzgerald), entre outras.

De forma simultanea coa promoción de “La Vida”, Ainhoa Arteta levou a cabo un calendario cheo das actuacions líricas e concertos de ópera habituais.
---

16/12/08

Disco de Ouro para Luis Fonsi



Luis Fonsi recibe o Disco de Ouro en España tras superar as 40.000 copias do seu disco "Palabras del Silencio".

"No me doy por vencido" é o primeiro sinxelo deste disco que leva máis de 3 meses de número 1 na lista de radio latina do Billboard. En España, esta balada, mantense no nº 5 na lista de radio e recibiu dous certificados de platino dixital polas descargas obtidas de cancións e tonos.

O artista portorriqueño está planeando a súa xira por España para o próximo mes de maio.

15/12/08

Pop-Rock-Alternativa en "Fracciones de Segundo"

Teremos que esperar algo máis que "Fracciones de Segundo" para poder gozar do cuarto álbum de Second; pero xa falta menos. O 27 de xaneiro de 2009 é a data escollida por José Angel e Jorge, os compoñentes de Second, para publicar o seu novo traballo. Como carta de presentación "Palabras".

5/12/08

Camila en concerto!


Xa están á venda as entradas para o concerto de CAMILA o próximo 13 de marzo de 2009 en Madrid (La Riviera).
O concerto significa a presentación do trío mexicano en Madrid co seu álbum "Todo Cambió", tras colgar o "Non hai entradas" en Barcelona e Valencia nas súas actuacións o pasado mes de outubro.